top of page

Presentación do cartel do XXXIV Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, Galicia)

[FESTIVALES] Presentado el cartel definitivo del Festival Intercéltico do Morrazo (Galicia)


Hoxe os xardíns da praza do Concello de Moaña acolleron a presentación do cartel do XXXIV Festival Intercéltico do Morrazo deseñado por Diego Seixo, coa presenza do comité organizador formado polos músicos Anxo Lorenzo, Iván Costa e Xavier Blanco, e Salvador Meira, Coral Ríos, Marta Freire, Aldán Santamarina e Leticia Santos, do equipo de goberno do Concello de Moaña.

O festival, organizado polo Concello de Moaña, terá lugar os días 26, 27 e 28 de xullo, e contará nesta edición co patrocinio de Mahou e da Deputación de Pontevedra a través dos programas Pontegal e Musigal.

Este ano o FIM comezará o xoves 26 de xullo ás 20.00 h. co desfile e posterior actuación dos grupos folclóricos de Moaña. Ás 22.00 h. subirá ao escenario Mahou o grupo escocés Project Smok, un proxecto de Ali Levack e Pablo Lafuente. Ali Levack está considerado pola crítica como un dos mellores intérpretes de whistle do mundo. O acompañamento de Levack vén das cordas de Pablo Lafuente, unha guitarra chea de ritmo que se complementa á perfección co seu estilo, e do Bodhran de Craig Baxter.

O venres 27 de xullo ás 21.30 h. será o turno de Budiño, que consistirá nun repaso da carreira do músico e compositor, incidindo principalmente nos temas do seu primeiro disco que xa son un clásico na música galega. A continuación, Plantec, pioneiros da nova onda da música bretona na última década, co seu espectáculo de fusión electrónica e proxeccións multimedia, pecharán a segunda xornada.

O sábado 28 ás 22.00 h. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre presentarán o seu novo álbum NORÓ – Algunhas músicas do norte, para dar paso aos lexendarios Capercaillie, probablemente, o grupo máis emblemático da música escocesa, liderados pola fantástica voz gaélica de Karen Matheson (posuidora dunha “garganta tocada por Deus”, segúndo dixo Sean Connery) e polo extraordinario frautista e gaiteiro Michael McGoldrick, considerado como o sucesor do icónico Matt Molloy, e que dedicou gran parte dos últimos anos a percorrer o mundo como membro da banda de Mark Knopfler.

Para completar esta gran edición do FIM, realizaranse actividades paralelas como a Mostra de instrumentos tradicionais, clases maxistrais de música, de baile galego e de danzas do mundo, e un DJ Folc que pechará a última xornada.

bottom of page